Friday 29 de March de 2024

ExpoOrdes 2019 quenta motores


 

Habilitaranse máis de 13.000 metros cadrados de exposición. O domingo terá lugar a XXX Degustación do Champiñón na que se estima un reparto de arredor de 3.500 quilos. Paralelamente ACORDES celebrará o seu IV Salón Moda & Eventos e o Concello renderalle unha homenaxe aos seus escritores e escritoras

Ordes, 18 de abril de 2019. O Concello de Ordes xa está a traballar arreo na celebración dunha nova edición de ExpoOrdes, a cal terá lugar os días 26, 27 e 28 de abril. Coma sempre a xornada de apertura, prevista para o venres ás 20.30 horas, inaugural estará dedicada aos empresarios e autónomos da zona. Ademais de estar acompañados polos membros da corporación municipal tamén o estarán por Sol María Vázquez, directora xeral de Comercio e Consumo.

Xa a partir do sábado o público xeral poderá acceder libremente ao recinto, que abrirá as súas portas de 10 a 21 horas. Este será o días da Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes, que contará co seu propio espazo onde se poderá conseguir diversos material promocional turístico e cultural respecto dos sete municipios que a constitúen (Cerceda, Frades, Mesía, Ordes, Oroso, Tordoia e Trazo).

Ao igual que nos últimos anos a Asociación de Comerciantes de Ordes (ACORDES) aproveitará o grande escaparate que supón ExpoOrdes para organizar a terceira edición do Salón IV Salón Moda & Eventos. Máis de 135 metros cadrados nos que se mostrará todo en roupa, calzado, organización de celebracións, lencería, agasallos, óptica, viaxes e incluso cociña. En total hai que falar darredor de 60 comercios os que participan nesta sección.

Últimas novidades
Nesta ocasión hai que falar de máis de 100 firmas que virán a mostrar o mellor de si. Grazas a ExpoOrdes poderanse coñecer de primeira man as últimas novidades en alimentación, automoción, construción, cooperativismo, agricultura, hostalería, mobiliario, artesanía, téxtil, medio ambiente, enerxías, acción social, deportes, mecánica, maquinaria agrícola e gandeira etc. Unha cita que da que, nas últimas edicións, desfrutaron máis de 35.000 persoas de media e que conta cunha superficie que supera os 13.000 metros cadrados, dos cales 3.000 corresponden á carpa instalada no mesmo Campo da Feira.

Literatura
O Concello de Ordes, organizador desta feira, quere renderlle este ano unha homenaxe espacial aos escritores e escritoras que dalgún xeito están relacionados con esta terra. Por isto habilitarase un stand no que figurarán Euloxio Rodríguez Ruibal, Ramón Vilar Landeira, Jacobo Ríos Soneira, Marisol Gándara Sánchez, Eli Ríos Liste e Roberto Ramón González Amado. Un espazo no que se poderá coñecer un pouco máis sobre estes autores e autoras, ademais de poder facer un percorrido pola súa traxectoria bibliográfica.

Feira artesanía
Ademais, ao longo de toda a fin de semana máis de 30 postos formarán parte da feira de artesanía que se instalará na alameda de Ordes. Entre outros obxectos e creacións poderanse adquirir pezas de coiro, bixutería, xoiería, abelorios e elementos feitos con madeira, vidro, doces marroquís, roupa confeccionada con la e gancho para nenos e nenas e persoas adultas, agasallos, patchwork etc.

A nota musical virá da man da Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, que actuarán o sábado pola tardiña. O domingo será o momento para a Banda de Música de Ordes, o grupo de gaitas Sementes da Arte e a charanga Ruada.com.

Agricultura, gandería e música
Un dos aspectos máis importantes de ExpoOrdes é a gran mostra de maquinaria agrícola e gandeira que se dá a coñecer nesta cita. Primeiras marcas e comercios de relevancia acoden para amosar o último do mercado. Tractores, ensiladoras, muxidoiras, empacadoras etc. Como novidade este ano a empresa Husqvarna instalará un gran tráiler interactivo en cuxo interior todas as persoas que o desexen poderán coñecer o máis avanzado e innovador neste eido.

Para o último día, o domingo 28, Ordes agarda a milleiros de persoas ansiosas por degustar os seus afamados champiñóns. Os bares e restaurantes porán, unha vez máis, todo o seu empeño e bo facer para deixar a todo o mundo satisfeito coa XXX Degustación do Champiñón. Durante todo o día, con cada consumición, ofrecerán tapas preparadas das máis diversas maneiras. En base a cifras de pasadas edicións prevese que se sirvan arredor de 3.500 quilos deste delicioso cogomelo. Este día contarase coas actuacións do grupo de gaitas e de baile Sementes da Arte, coa Banda de Música de Ordes, ademais da charanga Os campantes da Baña.

Non se entende ExpoOrdes sen música, por iso esta ano a organización contará con varias actuacións durante toda a fin de semana. O sábado será a quenda para a Asociación Cultural Camiño Real de Poulo, mentres que o domingo a ambientación será dobre grazas aos gaiteiros de Sementes da Arte e á charanga Santa Compaña.

Aparcamento gratuíto
Co fin de facilitar o acceso aos milleiros de persoas que cada ano visitan Ordes nestas datas o Concello habilitou máis de 8.500 metros cadrados de aparcamento gratuíto xusto en pleno casco urbano e a escasos metros da zona de mostras.